venres, 8 de abril de 2011

Respirar

Ás veces os días pasan voando, case sen decatarme, atafegada de cousas e momentos para sorrir. Outras, o tempo vai máis despacio, máis pesado, e parece que teño que convencer aos meus pés para que dean cada un dos pasos que preciso que dean por min. Parar o tempo ou aceleralo. Ás veces, ir cara atrás, para mudar erros ou para revivilos polo menos outra vez. E ao final non se pode. Nada diso se pode facer. E a maioría dos días non me importa. Para iso son unha cabeciña tola, chea de lembranzas e moitas forzas e moitas ganas de seguir fabricando máis. Quero máis. Máis palabras, máis sorrisos, falcatruadas entusiastas, loitas contra muíños, buratos no estómago, vertixe e apertas mimosas, amigas cómplices. Máis ganas de máis. Son un chisco tímida e un moito temeraria, unha das miñas mil contradiccións. A combinación pode resultar perigosa. Mais polo de agora o risco resultou divertido. 

E cando chega unha desas veces nas que o mundo se para e non hai aire que atope espacio nos meus pulmóns, pecho os ollos e salto.

En noites así só podo pensar unha cousa. E repítoma baixiño. Respira. Só hai que respirar.


Ningún comentario:

Publicar un comentario