Non pasaron nin vintecatro horas e xa teño que voltar por aquí. Porque o prometido é débeda e as miñas obrigas de madriña inclúen darche exemplo dende o primeiro día de que un non pode faltar a súa palabra. E vou tentar facelo moi ben. A ver se fas de min alguén de proveito. Xa estás aquí, pequerrecho, e eu estou tan feliz que non sei nin qué dicir. E verás que iso non é doado, porque aínda que algún enganado por aí poida pensar que falo pouquiño, aquí a túa tía postiza cando colle carreira non para. E sempre ten un as para matar o tres, diría algún ou algunha ;-) Xa o verás, xa. A túa nai di que lle encanta, pero bueno, tamén verás que ela é moi boíña. Hum... Creo que xa sei por onde comezar. Dicía hoxe miña nai (eu creo que a coñecerás axiña) que ías ser un neno con moita sorte. Chegas nun martes 13, a túa habitación é capicúa e non sei cántas cousas máis que se lle ocorreron. Non por superstición ou por aquilo de que habelas hainas, senón de pura ledicia e bos desexos para ti. E eu creo que tiña razón. Pero non por iso, que bueno, sempre queda ben para empezar unha historia, senón por onde viñeches a parar. E sobre todo, pola nai que che tocou. Tamén polo teu papi, claro, pero bueno, seguro que el me perdoa que me centre nela. Porque sabe mellor que ninguén cánta razón teño. Porque a túa nai é un solete. Non só é moi boíña como che dicía antes (que non te fíes, iso non quere dicir que non te vaia traer a raia, mellor que non a enfades). É moito máis ca iso. É corazón, compromiso, responsabilidade, sentido común e todo agarimo. Sabe ler pensamentos coma ninguén. Sempre está aí. Dá igual que non estea dacordo. Escoita, apoia, pelexa ao teu carón, recolle os pedazos e sabe coselos a sorrisos. É especial. Seguro que xa te decataches, que tes pinta de ser un raparigo espilido. En ningunha parte durmirás mellor que hoxe, alí quentiño, apoiado no seu peito. Ninguén te arrolará como ela. E medrarás acochado, forte, feliz e aprendendo a ser boa xente da man da mellor.
En fin, que ademais de faladeira, ás veces e con certos temas, me poño un pouco brandiña (vaaale, aceptamos cursi...) Pero que queres, meu neno? Hoxe levo un día máis tonto... Porque case non durmín, primeiro preocupada polo que tardabas e logo porque o sorriso non me deixaba (tamén aprenderás que neses días son xente de riso frouxo e ando eléctrica perdida). Pero sobre todo porque tan pequeniño como es, es algo tan grande que non te podes imaxinar o que significas para un montón de xente. A min me tes hoxe todo o día entre o sorriso perpetuo e os ollos cheos de bágoas, sen dar baixado da nube. Vamos, parva perdida. Pero no mellor dos sentidos. Co corazón tan cheo que parece que me vai estoupar. Creo que é a sensación que máis me gusta na vida. Querer tanto que ás cóxegas doen.
Benvido, meu rei. Escolliches un bo día para embarcarte nesta aventura. Oxalá estea chea de soños e de xogos de piratas.
En fin, que ademais de faladeira, ás veces e con certos temas, me poño un pouco brandiña (vaaale, aceptamos cursi...) Pero que queres, meu neno? Hoxe levo un día máis tonto... Porque case non durmín, primeiro preocupada polo que tardabas e logo porque o sorriso non me deixaba (tamén aprenderás que neses días son xente de riso frouxo e ando eléctrica perdida). Pero sobre todo porque tan pequeniño como es, es algo tan grande que non te podes imaxinar o que significas para un montón de xente. A min me tes hoxe todo o día entre o sorriso perpetuo e os ollos cheos de bágoas, sen dar baixado da nube. Vamos, parva perdida. Pero no mellor dos sentidos. Co corazón tan cheo que parece que me vai estoupar. Creo que é a sensación que máis me gusta na vida. Querer tanto que ás cóxegas doen.
Ningún comentario:
Publicar un comentario