martes, 13 de decembro de 2011

No lo creo todavía, estás llegando a mi lado y la noche es un puñado de estrellas y de alegría...

Non pasaron nin vintecatro horas e xa teño que voltar por aquí. Porque o prometido é débeda e as miñas obrigas de madriña inclúen darche exemplo dende o primeiro día de que un non pode faltar a súa palabra. E vou tentar facelo moi ben. A ver se fas de min alguén de proveito. Xa estás aquí, pequerrecho, e eu estou tan feliz que non sei nin qué dicir. E verás que iso non é doado, porque aínda que algún enganado por aí poida pensar que falo pouquiño, aquí a túa tía postiza cando colle carreira non para. E sempre ten un as para matar o tres, diría algún ou algunha ;-) Xa o verás, xa. A túa nai di que lle encanta, pero bueno, tamén verás que ela é moi boíña. Hum... Creo que xa sei por onde comezar. Dicía hoxe miña nai (eu creo que a coñecerás axiña) que ías ser un neno con moita sorte. Chegas nun martes 13, a túa habitación é capicúa e non sei cántas cousas máis que se lle ocorreron. Non por superstición ou por aquilo de que habelas hainas, senón de pura ledicia e bos desexos para ti. E eu creo que tiña razón. Pero non por iso, que bueno, sempre queda ben para empezar unha historia, senón por onde viñeches a parar. E sobre todo, pola nai que che tocou. Tamén polo teu papi, claro, pero bueno, seguro que el me perdoa que me centre nela. Porque sabe mellor que ninguén cánta razón teño. Porque a túa nai é un solete. Non só é moi boíña como che dicía antes (que non te fíes, iso non quere dicir que non te vaia traer a raia, mellor que non a enfades). É moito máis ca iso. É corazón, compromiso, responsabilidade, sentido común e todo agarimo. Sabe ler pensamentos coma ninguén. Sempre está aí. Dá igual que non estea dacordo. Escoita, apoia, pelexa ao teu carón, recolle os pedazos e sabe coselos a sorrisos. É especial. Seguro que xa te decataches, que tes pinta de ser un raparigo espilido. En ningunha parte durmirás mellor que hoxe, alí quentiño, apoiado no seu peito. Ninguén te arrolará como ela. E medrarás acochado, forte, feliz e aprendendo a ser boa xente da man da mellor.
En fin, que ademais de faladeira, ás veces e con certos temas, me poño un pouco brandiña (vaaale, aceptamos cursi...) Pero que queres, meu neno? Hoxe levo un día máis tonto... Porque case non durmín, primeiro preocupada polo que tardabas e logo porque o sorriso non me deixaba (tamén aprenderás que neses días son xente de riso frouxo e ando eléctrica perdida). Pero sobre todo porque tan pequeniño como es, es algo tan grande que non te podes imaxinar o que significas para un montón de xente. A min me tes hoxe todo o día entre o sorriso perpetuo e os ollos cheos de bágoas, sen dar baixado da nube. Vamos, parva perdida. Pero no mellor dos sentidos. Co corazón tan cheo que parece que me vai estoupar. Creo que é a sensación que máis me gusta na vida. Querer tanto que ás cóxegas doen.

Benvido, meu rei. Escolliches un bo día para embarcarte nesta aventura. Oxalá estea chea de soños e de xogos de piratas.


Esperando boas novas

Levaba moito sen asomarme por aquí. Ás veces me pasa isto coas cousas de escribir. Entro con forza e fuxo case coa mesma intensidade. Porque sei que en cada anaco se me vai unha chea de forza e de tempo. E non sempre chega con ter ganas para fuxir do día e atopar o tempo xusto. Pero hoxe tiña que voltar. Porque estou contenta. Ou case o estou. Parece que por fin chega Antón, aínda que está tardando tanto que os nervios xa poden comigo. Teño que ir durmir xa, pero non dou pechado os ollos. Pensando en ti, meu amor, que soabas tan cansa. E nese pequeno que se resiste. Ai, pequerrecho. Xa chegas feito un pillabán. O que nos queda aínda. Non me gusta que túa nai sufra, así que espero que chegues axiña. Que todo sexa rápido. Que esteades ben. Aquí te agardamos cos brazos preparados para darte unha aperta. Xa sei que a noite está fría, pero non tardes, anda. Ímoste querer aínda máis do que xa te queremos. Poderase? Espero que mañá poida empezar a repostar que si. E que cando volte por aquí sexa para darche a benvida de verdade. E que por fin poida dicir que teño o afillado máis lindo do mundo.


domingo, 10 de abril de 2011

Setestrelo

Escribir é como mergullarse dentro dun e de súpeto, saír á superficie. Esa sensación de descubrir mares descoñecidos, abrir os ollos con curiosidade ante as cousas que te rodean e das que non te decataras. Fermosas, descoñecidas, atraíntes, que asustan. Deixas de respirar para poder velo todo. E cando os teus pulmóns xa non poden máis, algo doe e te empurra de novo a saír. O aire fresco devolve o sorriso ao teu corpo famento de osíxeno. É agradable sentir o cabelo mollado, unha pinga que esvara polo rostro, un raio de sol quentiño que fai cóxegas nos ollos... E na superficie novas cousas agardan. 

Escribir é ledicia. Ás veces doe. Da vertixe. Non só o folio en branco, tamén o que se vai enchendo de letras demasiado túas. Os artigos científicos dame vergoña ensinalos, mais é parte do traballo, así que aí fican, a vista de quen pode estar interesado, de quen pode destripalos ou disfrutalos. Asumes que nacen para ser compartidos e miúda e convencida do teu traballo, deixas que saian a flote, lista para defendelos e tamén para recoller as críticas que os fagan medrar.

A narrativa dá aínda máis medo. Non é traballo gozoso, coma o outro. Só goce afeccionado. Máis íntimo e polo tanto ti, máis miúda. Pero os meus compañeiros de xardín, como contou nas súas "Tijeras" Ana Añón, me axudaron a perder parte dese medo. Tapar á cara mirando entre os dedos, pero compartilos con alegría. Fiana, Cesi, Ana, Sonia, Miguel, Enrique, Bea, Iván, Carmen, Félix... Facían que fose doado. Público amistoso, entusiasta, compañeiro de ilusións e fatigas. E aínda por riba, gañei amigas das que enriquecen a vida. Así que cando amoso un relato, penso neles. E xa non me costa tanto.

Poesía. Terror. Pasear núa pola praza maior da túa vila. Aínda que non falas de ti, falas ti, máis ti que nunca. E non é que vivas en segredo, que cultives un eu clandestino, pero, como non sentirse pequena pequeniña e vulnerable? Xavier conseguíu o milagre e uns cantos poemas saíron do meu escondite cara o seu computador. E mesmo logrou que deixase que compartise algún. Hai amigos que fan real o impensable e aínda máis. Supoño que tiña que ser el quen o lograse. Por admiración, agarimo e confianza. Por teimas compartidas. E unha vez que se abre a porta, horror, xa non hai volta atrás. E no fondo, aínda que non deixas de ter medo, de sentirte máis que pequerrecha, afeccionada en medio de tanta xente que tan ben escribe, gustas de compartir eses anacos segredos. E non está mal descubrir que ese rebulir de cousas que toman forma de palabras te achegan a outras persoas que enchen de cores lindos a túa vida. O Grupo Bilbao ou sentirte na casa aínda que esteas fóra. Con Xavier, Xurxo na primeira estación, e logo Chuni, Manuel, Ana, Begoña, Alexandre, Antonino, Rafa, Inés, Marga, Vicente... Con intensidades e tonalidades distintas máis sempre cores vivos benvidos a esta viaxe axitada. 

E onte, un novo salto ao baleiro. Da man de Ana, presentación da Porta Verde do Sétimo Andar. E de testemuña a actor. Aínda non sei cómo, alí rematei, lendo dous dos meus poemas. "Cantos verdes de mar" e "Nos teus ollos". Vertixe atolada e porta aberta a nova xente que paga a pena. Alberte, Miguel, Alfonso, Ramiro. Máis Ana e Marga. Que boa compaña para ler este anaco de min! Demasiado pequena para tanta cousa grande. Mais vergoña aparte, pagou a pena. E cruzar a porta verde, unha sorpresa luminosa.

Obrigadiña.

http://alcalima.blogspot.com/2010/07/beyond-words-pili-mera.html


venres, 8 de abril de 2011

Respirar

Ás veces os días pasan voando, case sen decatarme, atafegada de cousas e momentos para sorrir. Outras, o tempo vai máis despacio, máis pesado, e parece que teño que convencer aos meus pés para que dean cada un dos pasos que preciso que dean por min. Parar o tempo ou aceleralo. Ás veces, ir cara atrás, para mudar erros ou para revivilos polo menos outra vez. E ao final non se pode. Nada diso se pode facer. E a maioría dos días non me importa. Para iso son unha cabeciña tola, chea de lembranzas e moitas forzas e moitas ganas de seguir fabricando máis. Quero máis. Máis palabras, máis sorrisos, falcatruadas entusiastas, loitas contra muíños, buratos no estómago, vertixe e apertas mimosas, amigas cómplices. Máis ganas de máis. Son un chisco tímida e un moito temeraria, unha das miñas mil contradiccións. A combinación pode resultar perigosa. Mais polo de agora o risco resultou divertido. 

E cando chega unha desas veces nas que o mundo se para e non hai aire que atope espacio nos meus pulmóns, pecho os ollos e salto.

En noites así só podo pensar unha cousa. E repítoma baixiño. Respira. Só hai que respirar.


martes, 5 de abril de 2011

Palabras de alegría e outras pequenas cousas

Benvidos a este pequeno recuncho. Dalgún xeito podería dicir que aínda non sei ben cómo vai ser. Mais se cadra si o sei. Ou polo menos sei que o quero e facer deste recanto un lugar no que escribir o que me pete. Un pequeno barullo das cousas que me gustan, pinguiñas do que quero e todo aquilo que me escape correndo das mans. Anacos de soños, ledicias e enfados, preocupacións e pensamentos. Boa xente da que tanto quero. Sorpresas que me saian ao camiño. Desorde, inconstancia, cores, unhas pingas de agarimo e todos os sorrisos que poida. Benvidos ao meu mundo de pequenas palabras.

Porque hoxe é hoxe e para empezar a voar, aquí vai un dos grandes himnos da miña pequena república. Querido Don Mario, graciñas por emprestarme as túas palabras para falar de cada día. E bailando entre cores aquí estou, na procura da alegría.
 


Defender la alegría como una trinchera
defenderla del escándalo y la rutina
de la miseria y los miserables
de las ausencias transitorias
y las definitivas
defender la alegría como un principio
defenderla del pasmo y las pesadillas
de los neutrales y de los neutrones
de las dulces infamias
y los graves diagnósticos
defender la alegría como una bandera
defenderla del rayo y la melancolía
de los ingenuos y de los canallas
de la retórica y los paros cardiacos
de las endemias y las academias
defender la alegría como un destino
defenderla del fuego y de los bomberos
de los suicidas y los homicidas
de las vacaciones y del agobio
de la obligación de estar alegres
defender la alegría como una certeza
defenderla del óxido y la roña
de la famosa pátina del tiempo
del relente y del oportunismo
de los proxenetas de la risa
defender la alegría como un derecho
defenderla de dios y del invierno 
de las mayúsculas y de la muerte
de los apellidos y las lástimas
del azar
                  y también de la alegría